Saturday 11 de May de 2024

O centro de FP de Automoción de Ordes acada un dos premios de innovación didáctica en centros públicos


Recibirá 3.445 € para a construción dunha maqueta a escala dun motor Citroën HDI. Ata o vindeiro sábado poderase seguir votando para a súa participación no concurso ‘Xoves Técnicos en Automoción 2016’

O centro de Formación Profesional de Automoción do IES Nº1 de Ordes vén de recibir o recoñecemento da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Ao centro ordense fóronlle concedidos 3.445 € do premio que o dito ente outorga para proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O proxecto presentado polo profesorado consiste na fabricación dunha maqueta didáctica a escala dun motor Citroën HDI. Trátase dun traballo que o cadro de docentes está a realizar nas súas horas libres, e que se estima que estará rematado en decembro. Non é a primeira vez que levan a cabo unha tarefa deste tipo xa que anteriormente se construíra outra maqueta dun Golf 6 1004 TSI de 160 CV.
Por outra banda, continúa a campaña para poder participar na XIII edición do concurso ‘Xoves Técnicos en Automoción 2016’, emprendida por alumnado e profesorado. Para isto basta con visionar ata o vindeiro sábado 30 de abril como data límite, e durante polo menos 15 segundos, algún dos seguintes vídeos colgados en Youtube:
www.youtube.com/watch?v=mbvFZSz1qTc
www.youtube.com/watch?v=Jonw1WM-3Z4
A día de hoxe xa son os primeiros da súa categoría con máis de 2000 visitas. O obxectivo principal é o de acadar ata 200 puntos que se traducirán no 20% de toda a puntuación necesaria para acceder á fase final na escola de formación de Mercedes-Benz.